Este proxecto nace como un xeito de autocoñecemento. Saber de min mesma a través de imaxes que expresan o que con palabras nunca digo. Pode que por non ser capaz, ou seica polo medo que habita no meu corpo.
Falan de como me sinto e o que sinto ao saír da miña cotiandade e acudir a eventos, lugares ou atoparme en contextos totalmente descoñecidos para min ou que, a priori e por certas razóns que parten do meu eu interior, non pertencen aos meus intereses, aínda que si aos da maioría das persoas.
Unha festa de verán, unha velada de boxeo e o Nadal nas rúas de Vigo. Espazos que adoitan ser agradables e que para min representan todo o contrario.
Multitudes de xente, aglomeracións, o balbordo que se crea, o conxunto de ruídos que non cesa… Todos eles chamaron a miña atención. Pero non de forma positiva, senón polo medo que me causaron.
Medo a sentirme observada e xulgada negativamente por ser diferente, por ser calada, tímida ou por non atoparme cómoda na presenza de moitas persoas.